O sol, amigo da nosa pel?

Nesta ocasión, e continuando co fomento dos hábitos saudables, afondamos na fotoprotección. Vimos na clase como o Sol, ademais de luz e calor emite outras radiacións, algunhas delas como é o caso das UV chegan até a superficie. A pesar de que precisamos desta radiación para que o noso corpo sintetice vitamina D, unha sobreexposición a ela causa problemas de saúde de diferente consideración: desde unha simple queimadura a trastornos máis serios como cataratas e cancro de pel. En pleno inverno o alumnado puido comprobar, mediante unha pulseira que cambiaba de cor cando incidía nela a luz UV, que esta radiación chega até nós incluso en días anubrados.

            Como resulta imprescindible coñecer o tipo de pel que cada un ten para poder protexela axeitadamente, determinaron o seu fototipo de pel e personalizaron a App UVLens. Esta aplicación gratuíta, ademais de indicar o nivel de radiación UV que chega do Sol nas diferentes horas do día nunha localización concreta, inclúe unha alarma que avisa cando cómpre renovar o fotoprotector. Unha ferramenta moi útil, sobre todo porque un dos motivos principais á hora de non renovar a crema é precisamente que se esquecen de facelo.

Imagen 1

Para completar esta formación sobre fotoprotección, todo o alumnado de 3º da ESO asistiu a unha charla impartida por Yolanda Álvarez, formadora de L’Oreal. Durante esta recordóuselles a perigosidade da exposición ao sol, a efectividade dos fotoprotectores aplicados correctamente e a importancia de coñecer o fototipo de pel para poder protexerse axeitadamente. Ao final da charla obsequiouse ao alumnado cun lote de fotoprotectores. Agora xa están listos para iniciarse nun bronceado intelixente!